- Estas intervencións, valoradas en 125.000 euros, están financiadas a través do Plan Único da Deputación da Coruña
O Concello de Camariñas prosegue cos traballos de pavimentación da rúa Alto do Penedo, na Ponte do Porto, que contan cun orzamento de 125.000 euros financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña. Durante a mañá deste mércores achegáronse ata o lugar a alcaldesa, Sandra Ínsua, e o edil de Obras, Sergio Caamaño.
Estas intervencións permitirán mellorar o firme da rúa, que actualmente se atopa bastante deteriorado. A actuación inclúe a roza e a limpeza das marxes da vía, a demolición do pavimento existente en varios tramos e, por último, a execución dun novo de aglomerado asfáltico e adoquinado rústico de pedra granítica.
O concelleiro de Obras subliñou que o proxecto responde a «demandas veciñais» e que o seu obxectivo é prestar un servizo pero tamén «mellorar as comunicacións e facer unha Camariñas máis amable co peón».