- O proxecto de musealización realizaríase unha vez se leve a cabo a reforma exterior da Lonxa Vella por parte da Deputación da Coruña
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, e a concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro, reuníronse en Santiago de Compostela co secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, para propoñerlle a formalización dun convenio de musealización do futuro Museo dos Naufraxios.
O secretario xeral comprometeuse a estudar esta colaboración, que se levaría a cabo unha vez se executase o proxecto de reforma exterior do edificio da Lonxa Vella para o que o Concello solicitará proximamente o financiamento da Deputación da Coruña.
A rexedora agradece a colaboración de todas as institucións «neste ambicioso proxecto que permitirá que Camariñas conte co primeiro Museo dos Naufraxios de Galicia» poñendo en valor parte da historia do concello e dándolle uso e funcionalidade a un edificio que agora «se atopa en moi mal estado».