- A iniciativa realizouse entre a biblioteca municipal de Camariñas e o CEIP O Areal
O Concello de Camariñas, a través dunha acción conxunta entre a biblioteca municipal e o CEIP O Areal, conmemora este sábado o Día do Libro cunha actividade que leva por nome Danza de libros polo San Xurxo. Queres bailar? aproveitando o proxecto Escora da Deputación da Coruña, que este ano achega varios espectáculos de danza a concellos da Costa da Morte. Neste caso, a Praza da Insuela de Camariñas (a Casa de Pedra, no caso de chuvia) acollerá este sábado, a partir das 19.00 horas, representacións de Marcia Vázquez, Kirenia Danza e E_migrantas nun encontro público mediado por Sabela Ramos.
Danza de libros polo San Xurxo. Queres bailar? agrupará as obras dun modo peculiar e segundo a súa temática: as de amor bailan en parella, as de medo e suspense sós, os libros de aventuras danzarán en grupo e os de ciencia ficción farano dun xeito máis raro.
O alumnado do CEIP O Areal tamén elaborou un mural creativo sobre as ideas que lles suxeriu a temática de cada libro e relacionándoas coa danza e a festividade de San Xurxo.