- Para o Día da Muller está prevista a presentación dun mural no CEIP Ponte do Porto
Con motivo do Día da Muller o vindeiro 8 de marzo, son moitos os Concellos que xa puxeron en marcha diferentes actividades ou eventos de cara ao fomento da igualdade. Un deses municipios é o de Camariñas, que durante todo o mes de marzo levará a cabo unha serie de actividades dirixidas especialmente ao alumnado dos centros educativos. Ante a imposibilidade de facer obradoiros presenciais, predominarán as actividades virtuais.
Desde este luns a biblioteca municipal acollerá a campaña ‘A biblioteca violeta’, que contará cunha selección de libros e materiais audiovisuais para educar a favor da igualdade.
Entre os centros de educación infantil e primaria propoñerase un adaptación do conto ‘A ratiña presumida’, unha historia onde a súa protagonista lle dá máis importancia á amizade que ao feito de casarse. Ademais, os días 5 e 12 de marzo o alumnado de 5º e 6º de primaria participará no obradoiro de ilustración ‘O lapis violeta’ que posteriormente contará cunha exposición virtual.
Para o luns 8, Día da Muller, está prevista (se o tempo o permite) a presentación dun mural no CEIP Ponte do Porto en homenaxe á todas elas.