Camariñas celebrará un Samaín de medo!

1 minutes read
  • O prazo para participar en ‘Contos de medo! Camariñas 2020’ rematará o día 2 de novembro, e repartiranse 330 euros en premios

O Concello de Camariñas pon en marcha o concurso ‘Contos de medo! Camariñas 2020’, unha iniciativa dirixida á comunidade educativa cun dobre obxectivo: fomentar a creación literaria e o gusto pola literatura de terror, e conmemorar a festividade do Samaín.

As obras serán individuais, en prosa ou en verso e de tema e extensión libres, coa excepción das persoas que cursen estudos en educación infantil que presentarán un traballo colectivo. Terán que ser orixinais, inéditas e estar escritas en galego ou castelán.

Poderán participar todas as persoas que cursen estudos de educación infantil, primaria e secundaria nalgún dos centros educativos do concello, ou residentes en Camariñas que cursen estudos noutro municipio. O prazo de entrega de orixinais remata o próximo luns, 2 de novembro, e os gañadores coñeceranse a través da web e redes sociais do Concello.

Repartiranse un total de 330 euros en premios a través de bonos para cambiar por calquera artigo nos establecementos do municipio.