Camariñas celebrou un entroido 2.0 cheo de premios

1 minutes read

En plena pandemia toca reinventarse en moitos aspectos e un deles é o entroido. Saben ben diso no Concello de Camariñas, que malia a época que estamos a vivir non quixeron cancelar o seu concurso de entroido, aínda que fose dende a casa. Máis de 1.600 euros en vales de compra no comercio local do Concello repártense entre todos os gañadores.

Comezando polos máis cativos, en infantil individual, os once rapaces que presentaron disfraz recibirán premio, que consiste nun vale de 20 euros para gastar no comercio local. 

En canto á categoría de adulto individual o primeiro premio, por valor de 100 euros foi para o disfraz “Velliña palillando porque non hai desguace”, de Lourdes Romar. O segundo premio por valor de 75 euros recaeu en Iria Lestón con “Voda hindú”. E o terceiro, con 50 euros foi para “Esperando a Donald” de Javier Martínez.

Primeiro premio de adulto individual.

Pola súa banda a categoría familiar tivo como protagonistas a “A familia Oz”, representada por Adela Suárez, cun premio de 300 euros en vales de compra, o segundo foi para “Velliñas 2.0 en tempos de Covid”, da man de Verónica Canosa, e cun premio de 250 euros, e por último o terceiro premio foi caer en “Familia Bros”, coa representación de Amalia González e cun premio de 200 euros. 

«O Enxoval da Memoria» como colofón

O entroido 2.0 prorrogarase en Camariñas ata o 28 de febreiro, data na que remata a outra das iniciativas que puxo en marcha o Concello. “O Enxoval da Memoria” consiste na gravación en vídeo dun relato oral por parte dunha persoa maior no que se reflicta como se celebraba o entroido antigamente. A contía dos premios aos mellores vídeos é de 900 euros.