Camariñas | Clausurada a terceira edición do obradoiro dual de emprego ‘Construíndo futuro’

Clausura da terceira edición do obradoiro dual de emprego 'Construíndo futuro'_Cedida

  • O proxecto, que contou cunha subvención por valor de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade, realizouse de forma conxunta entre os Concellos de Vimianzo, Muxía e Camariñas, sendo este o promotor.

Os Concellos de Camariñas, Muxía e Vimianzo clausuraron este xoves 28 a terceira edición do Obradoiro de Emprego “Construíndo Futuro”. Ao acto, celebrado na Casa de Pedra de Camariñas, acudiron a alcaldesa da localidade, Sandra Insua; a rexedora de Vimianzo, Mónica Rodríguez; e a secretaria territorial da Delegación da Xunta na Coruña, Patricia Rodríguez. O alcalde de Muxía, Iago Toba, excusou a súa presenza por motivos persoais.

A iniciativa, na que participaron un total de 20 alumnos e alumnas, desenvolveuse de forma conxunta desde agosto do pasado ano entre as tres localidades, sendo Camariñas o promotor. Os certificados de profesionalidade que se repartiron correspóndense cos de “Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes” e “Pavimentos e Albanelería de Urbanización”.

O alumnado desta última especialidade, “Pavimentos e Albanelería de Urbanización”, puxo en práctica as habilidades adquiridas nas aulas no concello de Camariñas. Neste municipio acondicionaron a praza da Insuela e no de Vimianzo remataron as actuacións na escola de Subeiro e no pavillón de Baíñas.

Por outra banda, o alumnado do certificado de profesionalidade de “Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes” tamén realizou actuacións nos tres municipios organizadores. No concello de Muxía desenvolvéronse labores de mantemento das actuacións que se levaran a cabo previamente en Quintáns, Viseo e Caberta. Ao mesmo tempo, en Camariñas, os alumnos e alumnas acompañaron ao traballo desenvolvido polo grupo de albanelería colocando terra vexetal e pedras brancas decorativas nos alcorques das árbores da praza da Insuela. A maiores disto, en Camariñas tamén procederon a unha limpeza exhaustiva tanto na zona do Mirador do Barrio de Corea como na praia da Area da Vila. No concello de Vimianzo fixeron labores de mantemento das actuacións feitas con anterioridade en Padreiro, Grixoa e Castrelo.

Curso de formación nas tics

O alumnado-traballador da especialidade de Montes realizou durante o mes de xuño o curso que estaba programado no proxecto do obradoiro “Formación nas tics: novas tecnoloxías aplicadas ao sector forestal”, de 20 horas de duración, impartido polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa. Dentro desta formación, tamén participaron nunha sesión formativa sobre o manexo de drons no ámbito forestal. Ademáis, o día 1 de xullo, o alumnado desta especialidade participou na viaxe de carácter didáctica á Feira Internacional de Galicia GALIFOREST co obxectivo de participar nas actividades organizadas na mesma, xa que se adecúan ó programa formativo do certificado de profesionalidade ampliando así a formación recibida ó longo do obradoiro e favorecendo a empregabilidade do alumnado-traballador.

O Obradoiro Dual de Emprego ‘Construíndo futuro’ foi posible grazas a unha subvención por valor de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, subliñou que esta clausura é “un fito que debe celebrarse por todo o alto xa que todo traballo é pouco cando se trata de ofrecer máis oportunidades de emprego á nosa veciñanza pero, sobre todo, á nosa mocidade”. Agradeceu a participación de todas as persoas e Administracións implicadas no proxecto, salientando o esforzo realizado polas Axentes de Desenvolvemento Local. “Seguiremos traballando e esforzándonos para seguir demandando axudas e melloras para o noso rural. Porque aquí tamén hai futuro, e porque é a nosa obriga para con todos e todas vós”, destacou a rexedora.

Pola súa banda, a súa homóloga no Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, recalcou a importancia desta aprendizaxe que posibilitou ás persoas participantes valorar o traballo e o compañeirismo, algo que “vos permitirá seguir loitando polos vosos soños a nivel laboral pero tamén persoal, porque neste Obradoiro estou segura de que tamén medráchedes como persoas”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha