- Cada día publicarase no Facebook do Concello unha gravación do autor ou autora explicando o seu traballo
Con motivo do Día do Libro, que se celebrará este venres, o Concello de Camariñas daralle publicidade ao proxecto ‘Libros de aquí’, unha actividade deseñada pola biblioteca municipal que pretende divulgar a obra daqueles autores locais, e tamén dos que non o son, que escriben sobre o municipio nos seus traballos. Participarán Rafael Lema co seu último libro Camiño dos Faros: leyendas de la Costa da Morte; Diego Garrote Novo con Nuestra zarina; Víctor Fernández Alves con Notas a pé de barra; e Guadalupe Jiménez-Esquinas coa súa tese Del paisaje al cuerpo: La patrimonialización de la Costa da Morte desde la antropología feminista.
Ademais, desde este xoves, o Concello publicará diariamente na súa páxina de Facebook un vídeo gravado por cada autor e autora explicando o seu traballo. Tamén se publicará outro vídeo con colaboradores que comentarán o libro desa xornada e material relacionado con este.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, explicou que esta iniciativa persegue un dobre obxectivo: «fomentar a lectura e dar a coñecer tanto o fenomenal traballo dos nosos escritores como daqueles que se fixan na nosa terra para elaborar as súas tramas”.