Camariñas consolida a súa estabilidade económica cun remanente de 481.000 euros

Concello de Camariñas

O Concello de Camariñas vén de dar conta da liquidación do seu orzamento, que arroxa de novo resultados moi positivos para as arcas municipais. A xestión económica que está a levar a cabo o goberno local tradúcese, nesta ocasión, nun remanente de tesourería de 480.985,18 euros.

A esta importante inxección de liquidez, que confirma a senda de estabilidade iniciada no ano 2023 cando se obtivo un remanente positivo de 747.580 euros tras o saldo negativo de -182.603,25 euros de 2022, súmase outro dato fundamental: o Concello de Camariñas cumpre, un ano máis, con todas as regras fiscais esixidas polas normativas estatais e europeas.

«Este remanente de preto de medio millón de euros e o cumprimento estrito das regras fiscais demostran que o noso Concello é unha administración saneada, rigorosa e responsable cos cartos de todos os veciños», sinala a alcaldesa, Sandra Insua. A rexedora explica que manter este control económico e este aforro é vital para o desenvolvemento da vila, xa que, como xa se comprobou en exercicios anteriores, permite acometer obras e melloras só con fondos propios a través do remanente, sen ter que solicitar a axuda doutras administracións.

Ademais de garantir a capacidade de investimento directo nos espazos públicos, a obtención de remanentes positivos e o cumprimento das regras fiscais permite destinar unha porcentaxe dos fondos á amortización da débeda. Isto segue a reducir os intereses a pagar ás entidades bancarias, consolidando unha situación económica cada vez máis desafogada para o municipio.

Related posts

O Concello de Ponteceso completa a reforma dos camiños de Tella e reforza a protección do polígono fronte aos incendios

O BNG levará a loita contra a macroplanta de biogás de A Laracha a todos os concellos do Anllóns

O PSdeG acusa ao PP e ao goberno galego de “poñerlle alfombra vermella” á planta de biogás de Soandres