Camariñas demanda a Portos de Galicia a continuación do paseo marítimo no Cansorro

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, reuníronse este xoves coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, para solicitarlle que leve a cabo a continuación do paseo marítimo na zona do ‘Cansorro’.

No encontro presentáronlle á presidenta da entidade, dependente da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, un proxecto redactado por un técnico municipal co obxectivo de mellorar a seguridade viaria para os peóns nese punto onde remata o paseo marítimo.

A proposta inclúe a construción dun sobreancho sobre a ribeira do mar, con materiais similares ao paseo do porto. Así, crearíase unha estrutura de aceiro inoxidable sobre a que se colocaría unha tarima de madeira tratada para exteriores e varandas de aceiro inoxidable. Ademais, instalaríanse luminarias tipo LED.

Sandra Insua explica que “agora mesmo, nese punto, hai unha evidente falta de seguridade para os peóns xa que ao rematar o paseo teñen que circular ocupando a estrada polo escaso arcén co que conta esta” e destaca que “desde que instalamos as letras de Camariñas esta é unha zona moi transitada por veciños e visitantes, que van a sacar fotos de recordo, polo que esta actuación é urxente”, concluíu.

Recreación virtual_Cedida.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha