Camariñas destina 25.000 euros a mellorar a ETAP da Ponte do Porto

ETAP Camariñas

  • A estación é moi antiga e entre os traballos previstos destaca a reparación de fugas de aire ou a instalación dun novo motorredutor.

O Concello de Camariñas elaborou un proxecto para mellorar a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) da Ponte do Porto debido a que «é moi antiga», afirman desde o consistorio. Intervencións que alcanzarán os 25.607,64 euros de orzamento e que o goberno local quere poñer xa en marcha posto que a estación serve de auga a todo o municipio.

Os traballos que se levarán a cabo inclúen a reparación das fugas no circuíto de aire, do decantador e das válculas automáticas; o pintado das paredes e a impermeabilización do chan da sala de reactivos; a instalación dun novo sistema de dosificación de reactivos e a reposición dos depósitos en mal estado por outros novos.

O prazo estimado de duración das obras desde o seu inicio é de 12 semanas. A obra está financiada pola Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.