Camariñas e Coristanco entre os concellos galegos que convocarán novas prazas de Policía Local

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba este mércores a convocatoria de 134 prazas para os corpos de Policía Local de 35 concellos galegos, das que 102 son por oposición libre e as 32 restantes por provisión de mobilidade. Estas últimas van destinadas aos policías xa en exercicio que cambian de concello mediante sistema de concurso e de conformidade cun baremo de méritos.

Trátase dunha nova oposición unificada da Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), que o ano pasado permitiu cubrir un cento de vacantes. De feito, correspóndense co alumnado da 17ª promoción da Policía Local que actualmente se está a formar na Academia desde o pasado febreiro para finalizar en outubro e que desde esta semana e durante os meses de verán realizan prácticas nos seus concellos.

O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

A oposición libre contará con 5 exercicios: un test de coñecemento de 100 preguntas sobre o temario publicado que se prevé celebrar no mes de setembro xunto coa proba de coñecementos do idioma galego, salvo para as persoas que estean exentas. O proceso continuará coas probas de aptitude física (velocidade potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación), psicotécnicas (intelixencia, personalidade entrevista persoal)  e recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, tamén na Agasp, e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da nova promoción de Policía Local da Academia.

Os concellos da Costa da Morte que convocan prazas nesta convocatoria por algunha das dúas modalidades  son Camariñas e Coristanco.

Related posts

O PSdeG esixirá que se realicen analíticas da auga na contorna afectada pola rotura da balsa de Monte Neme

Cee acolleu o acto de homenaxe a Concha Seoane, «a alma de Aspadex»

O Concello de Ponteceso impulsa a mellora integral da rúa Voluntariado, en Corme Porto, reforzando a rede viaria e o saneamento