Camariñas e Vimianzo suman forzas e solicitan melloras na estrada que une a Ponte do Porto con Lexas

As alcaldesas de Vimianzo e Camariñas: Mónica Rodríguez (esq.) e Sandra Ínsua (dta.)_Cedida

  • A actuación, valorada en 180.000 euros, permitirá dotar aos peóns dun paso seguro, xa que ata o de agora circulaban pola beiravía

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, e a de Vimianzo, Mónica Rodríguez, mantiveron este martes unha reunión na Axencia Galega de Infraestruturas para solicitar á Xunta de Galicia que mellore a seguridade viaria na estrada autonómica AC-432, que une os núcleos de Ponte do Porto (Camariñas) e Lexas (Vimianzo).

Para iso, presentaron un proxecto valorado en 181.270 euros para a execución dunha senda peonil entre os puntos quilométricos 8+590 e 9+230 que une os núcleos anteriormente citados. O obxectivo é mellorar a seguridade para os peóns, que actualmente están obrigados a desprazarse pola beiravía da estrada que conta cun metro de ancho e nalgunhas zonas aínda menos.
A pesar de ser un tramo corto, duns 640 metros, é moi utilizado polos veciños e veciñas dos núcleos de Lexas e Ponte do Porto xa que á saída deste último atópase o IES Plurilingüe Pedra da Aguia e ademais hai frecuentes desprazamentos de persoas entre ambos núcleos.

Desde a Axencia amosáronse receptivos á proposta e anunciaron que estudarán o proxecto para analizar a viabilidade da proposta escollida e evitar expropiacións na medida do posible.