‘Camariñas en marcha contra o cancro’, andaina solidaria o sábado 20 de xuño

1 minutes read

O Concello de Camariñas, en estreita colaboración coa Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na Coruña, vén de presentar a andaina solidaria «Camariñas en marcha contra o cancro». Baixo o lema «O cancro de mama tómamolo a peito», este evento de concienciación e recadación de fondos celebrarase o vindeiro sábado, 20 de xuño de 2026.

A xornada ten como eixos centrais o apoio aos pacientes, a esperanza e o fomento da investigación médica contra a enfermidade. A saída está programada para as 16:30 horas dende a Praza da Igrexa de Xaviña. O trazado levará aos participantes por diversos lugares, rematando en Tasaraño.

O prezo para participar nesta iniciativa solidaria é de 5 euros para o público adulto e de 3 euros para os nenos e nenas de ata 12 anos. Aquelas persoas que non poidan asistir de xeito presencial pero desexen colaborar coa causa, teñen á súa disposición un «Dorsal Solidario» que se pode adquirir na páxina web do evento.

As inscricións xa se atopan abertas e pódense tramitar de xeito online a través da web oficial da AECC (https://enmarcha.contraelcancer.es/es/evento/camarinas-en-marcha-contra-o-cancro-2026) ou escaneando o código QR dispoñible nos carteis informativos. Ademais, a organización habilitou unha ampla rede de puntos de inscrición presencial en todas as parroquias do municipio.

Para calquera dúbida ou información adicional, a organización pon á disposición da veciñanza os seguintes teléfonos de contacto: 675 61 71 82 (Pilar), 687 72 04 70 (Diana), 653 18 80 09 (Eva), 662 01 53 32 (Teresa) e 646 95 00 14 (Carmen Maria).