Camariñas esixelle á Xunta a mellora do sinal TDT en Santa Mariña

TDT

  • Nun escrito, a alcaldesa tamén sinalou que é probable que o repetidor non se atope no lugar máis axeitado para ofrecer unha boa comunicación

O Concello de Camariñas enviou este martes un escrito dirixido a Oficina Técnica da TDT de Galicia, organismo dependente da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, para amosar o seu malestar pola mala recepción da TDT no lugar de Santa Mariña, na parroquia de Xaviña.

No texto, a rexedora, Sandra Ínsua, denuncia a situación vivida durante a pasada fin de semana, cando os veciños do lugar estiveron sen sinal TDT desde o venres 23 ata o luns 26 de outubro pois, a pesar de que a empresa Retegal intentou solucionar a avaría, produciuse outra que cadrou coa fin de semana.

Ademais, no escrito aprovéitase para informar do mal estado do repetidor de Santa Mariña que se atopa “en condicións moi deficientes, tanto que nalgunhas ocasións tense cuberto con lonas de plástico para evitar a entrada de auga no mesmo”. A alcaldesa tamén destaca que “é moi probable que a localización do repetidor non sexa a máis axeitada, polo que os problemas de recepción son habituais”.

Esta demanda pretende tamén dar unha solución a futuros problemas durante este novo estado de alarma, favorecendo que a poboación non teña que saír dos seus domicilios a non ser que sexa necesario.