Camariñas | Evacuado de urxencia un menor tras caerlle enriba un balcón que se derrubou

1 minutes read

Un rapaz, menor de idade, tivo que ser trasladado, a última hora da tarde deste sábado, ao caerlle enriba parte dun balcón dunha casa, no concello de Camariñas.

Os servizos sanitarios foron os que lle deron o aviso ao 112 Galicia, pouco antes das 21:00 horas. A información brindada aos xestores do CIAE-112 foi que un balcón acababa de virse abaixo na rúa Churruca e que un mozo, ao que lle caeran enriba os cascallos, estaba inconsciente no lugar.

Inmediatamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informouse á Garda Civil, aos Bombeiros de Cee e aos membros de Protección Civil de Camariñas.

Finalmente, e pese a que nun primeiro momento o 061 considerou a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para o lugar dos feitos, os servizos sanitarios confirmaron que o menor foi trasladado en ambulancia ao Hospital de Cee.

Pola súa banda, os membros de Protección Civil do concello concretáronlle ao 112 Galicia que o balcón formaba parte dunha vivenda particular abandonada e que todo o lugar quedaba sinalizado. Desde o Goberno local mostraron o seu apoio a familia da persoa ferida, desexándolle unha pronta recuperación.