Camariñas impulsa o proxecto ‘Explora 10’ para potenciar o turismo deportivo na Costa da Morte

Presentación 'Explora 10'_Concello de Camariñas

  • Nesta iniciativa tamén participan os concellos de Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas

O Concello de Camariñas impulsa o proxecto ‘Explora 10’, unha iniciativa na que se implicaron outros nove municipios da comarca cuxa misión é estruturar, organizar e potenciar o turismo deportivo na Costa da Morte a través de actividades que xa se están a desenvolver. Nesta acción conxunta participan os municipios de Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.

Este venres presentouse na vila do encaixe outro proxecto similar, o ‘Camariñas Explora’, que foi a semente desta iniciativa maior que «fai especial fincapé na unión dos dez concellos para unha maior potenciación turística e deportiva da nosa bisbarra, imitando a outros proxectos en común nos que os éxitos son palpables como é o caso de ‘Correndo pola Costa da Morte¡», explicou o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa.

Programa ‘Explora 10’
Está previsto que o proxecto se desenvolva en diferentes fases, con obxectivos a curto e a medio ou longo prazo. Para estes vindeiros meses agárdase crear unha rede de sendeiros xa existentes ou de nova creación en cada un dos dez concellos para unha promoción conxunta, deseñar un gran sendeiro para bicicletas BTT da Costa da Morte ou poñer en valor a escalada.

A longo prazo, de cara ao 2022 e 2023, preténdese elaborar un circuíto de carreiras populares para promover a práctica da actividade físico-deportiva entre toda a poboación, así como promocionar as actividades acuáticas que xa se están a desenvolver nos ríos e no mar dos municipios participantes como vela lixeira, piragüismo, surf, kaiak, travesías a nado ou paddle surf.