Camariñas | Inaugurada a homenaxe ao City of Agra polo 125 aniversario do seu naufraxio

Inauguración 'City of Agra'_Concello de Camariñas

  • Durante esta fin de semana haberá actividades culturais en Camelle e Arou

Este venres en Camariñas tivo lugar o acto inaugural do evento ‘City of Agra, 125 anos na memoria’, unha programación organizada polo Concello xunto coa Asociación Naufraxios Galegos polo afundimento do buque inglés.

A alcaldesa, Sandra Ínsua, participou no acto e destacou a importancia deste tipo de programas para «poñer en valor a nosa historia e que non se esqueza, para que pase de xeración en xeración e que nunca perdamos esa esencia que temos como pobo». E é que a historia de Camariñas pasa tamén polos numerosos naufraxios que se sucederon polo seu litoral, dando inicio á «lenda da Costa da Morte, que xa é mundialmente coñecida», concluíu a rexedora.

Sandra Ínsua tamén felicitou á Asociación Naufraxios Galegos polo «completo programa que logrou deseñar» e animou a todos os veciños e turistas a visitar esta fin de semana Camelle e Arou, onde terán lugar varias actividades.