Camariñas incentivará o consumo no comercio e a hostalaría local

Vila de Camariñas

A través da campaña ‘‘Merca en Camariñas, consume no teu Concello’’, o Concello de Camariñas está a preparar unha acción de dinamización do Nadal para incentivar o consumo no comercio e a hostalaría local valéndose das redes sociais municipais.  

O obxectivo é dar visibilidade ao tecido comercial e hostaleiro local para apoialos ante as consecuencias da COVID-19 e incentivar as compras da cidadanía. Está previsto que a campaña comece o 14 de decembro e remate o 4 de xaneiro, para fomentar así as compras do Nadal.  

Para levar a cabo esta iniciativa tomaríanse fotos e vídeos dos produtos estrela que quere promocionar cada comerciante ou hostaleiro. Por exemplo: as centolas dunha peixería, o bolso dunha tenda de roupa, o xamón do ultramarinos… Logo, difundiríanse estes produtos a través das redes sociais do Concello de Camariñas (Facebook, Twitter e Instagram) indicando o comercio e o seu contacto (sen prezos).  

Participación

A adhesión á campaña por parte de comerciantes e hostaleiros é totalmente gratuíta. Aqueles interesados ou interesadas en participar deben responder á comunicación enviada pola concelleira de Comercio, Lara Pasantes, a través do Whatsapp ou se o prefiren enviar un correo electrónico a mercacamarinas@gmail.com indicando nome e apelidos, nome do comercio ou local hostaleiro, e un teléfono de contacto.