- Con este proxecto continuarase o paseo marítimo e uniranse a pé os dous areais
O servizo de arqueoloxía contratado polo Concello de Camariñas supervisou este luns o inicio dos traballos de limpeza para constatar, de xeito inmediato, que a construción dunha senda peonil entre as praias de Area da Vila e Lingunde non afectará ao castro desta última. Esta actuación é un proceso fundamental para poder desbloquear a situación e comezar as obras.
Segundo os resultados que dean estes traballos de limpeza proxectaríanse, se fose necesario, outra clase de intervencións arqueolóxicas: catas de sondaxe ou a execución dunha escavación nun área dun tramo puntual.
O proxecto pretende continuar o paseo marítimo e unir a pé os dous areais, que actualmente están separados por un saínte. O concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Sergio Caamaño, destacou que “ademais esta é unha zona pola que transcorre o Camiño dos Faros, polo que permitirá mellorar a seguridade dos viandantes”.