Camariñas | O Concello aposta por formar aos propietarios de montes nas novas tecnoloxías

1 minutes read
  • O obxectivo dos cursos é aportar as ferramentas necesarias para que as persoas propietarias de fincas forestais poidan poñer en valor as súas explotacións

O Concello de Camariñas poñerá en marcha esta fin de semana o programa “Valoremos o noso monte”, unha actividade que estará formada por tres cursos (un presencial e dous online) que se realizarán entre os meses de setembro e outubro. O obxectivo dos cursos é aportar as ferramentas necesarias para que as persoas propietarias de fincas forestais poidan poñer en valor as súas explotacións.

O primeiro dos cursos, de modalidade presencial e con aforo limitado, centrará a súa temática no aproveitamento resineiro e ocupará todas as fins de semana dende o 26 de setembro ata o 24 de outubro. Desenvolverase na Casa da Sociedade de Xaviña e contará a maiores cunha saída ao campo para facer unha demostración do método de resinación.

Os dous cursos restantes, de modalidade en liña, faranse mediante a plataforma Webinar. O primeiro, cun total de 16 horas recollidas entre o 14 e o 28 de outubro, centrarase nas tecnoloxías de xeoposicionamento para a xestión dos montes. Pola outra banda, o relativo á valorización de subprodutos forestais farase do 15 ó 29 de outubro tamén cun total de 16 horas.

As persoas interesadas en inscribirse nalgún dos cursos ou que teñan calquera dúbida poden poñerse en contacto no correo domingo.canosa@camarinas.net ou no teléfono 653 27 69 89.

Cartel de actividades formativas _Concello de Camariñas