- Esta iniciativa complementaría á futura Casa do Maior que tamén se está ofertando noutra planta do edificio
O Concello de Camariñas elaborou un proxecto valorado en 208.024,10 euros para crear un centro social na planta baixa do Centro de Iniciativas, situado na rúa Real. Para o seu financiamento, vén de solicitar unha subvención europea para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos públicos.
O obxectivo desta actuación será converter a planta baixa do Centro de Iniciativas nun centro social que se destinará á atención e entretemento das persoas maiores do municipio. Para isto, crearase un vestíbulo de entrada que facilitará o acceso a unha estancia ampla onde uns estantes móbiles crearán zonas de paso e dous espazos independentes: un destinado á zona de ocio e outro para o desenvolvemento de actividades terapéuticas. Ademais, o centro social estará dotado dun despacho, aseos (un adaptado), zona con máquinas expendedoras, lavadoiro e papeleira. Tamén se habilitará un cuarto de limpeza e un armario-almacén para gardar o material didáctico e o mobiliario que se utilizará nas actividades.
Esta iniciativa complementaría á futura Casa do Maior que tamén se está ofertando noutra planta do edificio.