- Este ano incorpórase ao proxecto Explora 10 para potenciar o turismo deportivo na Costa da Morte
Este venres un total de 54 alumnos e alumnas do CEIP O Areal e do CEIP Ponte do Porto, no municipio de Camariñas, comezarán as clases prácticas de vela lixeira do programa O mar na escola, unha iniciativa transversal que naceu hai xa 18 anos polas inquedanzas dos mestres Santiago García e Ricardo Pereira e na que botaron unha man o Concello e o Club Náutico. Nos últimos anos un dos propósitos fundamentais desta actividade foi o coidado do mar e o traballo de concienciación sobre o mellor xeito de tratalo.
Desde este curso 2021/2022 O mar na escola incorpórase ao proxecto Explora 10, impulsado polo Concello para potenciar o turismo deportivo na Costa da Morte e que ten a misión de estruturar, organizar e potenciar este tipo de actividades a través de accións conxuntas entre os municipios participantes como Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.
Por outra banda, a iniciativa volve a contar este ano co apoio do programa Xogade da Xunta de Galicia e, como vén sendo habitual desde os inicios da actividade, de Industrias Cerdeimar, principal socio. «En todos estes anos de percorrido tivemos diferentes compañeiros de travesía: Industrias Cerdeimar, o programa Xogade, a Federación de Vela… A todos quero darlle as grazas e unhas moi especiais a Industrias Cerdeimar», explicou o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, que tamén agradeceu aos centros educativos a súa «predisposición a participar neste proxecto que con tanto cariño levamos desenvolvendo 18 anos».