Camariñas ofrece dous cursos forestais gratuítos de xeito telemático

PIXABAY

  • Ambos comezarán a semana próxima

O Concello de Camariñas oferta dous cursos gratuítos relacionados co sector forestal e abertos a todos os públicos, residentes ou non en Camariñas. Un deles trata sobre a ‘Aplicación de tecnoloxías de xeoposicionamento na xestión de explotacións forestais’ e outro sobre ‘Valorización de subprodutos forestais’, e ambos realizaranse de xeito telemático. Comezarán o 14 e o 15 de outubro, respectivamente, e os interesados ou interesadas poderán anotarse antes do comezo de cada curso a través deste formulario.

O curso sobre “Aplicación de tecnoloxías de xeoposicionamento na xestión de explotacións forestais” emitirase en directo os luns, mércores e venres do 14 ó 28 de outubro. Nesta acción formativa ensinarase, entre outras cousas, a obter as referencias catastrais das parcelas ou a usar aplicacións móbiles para facilitar a súa localización.

Por outra banda, o curso sobre “Valorización de subprodutos forestais” celebrarase os martes e xoves do 15 de outubro ao 3 novembro. Entre as accións formativas atópanse varios aproveitamentos forestais alternativos e tamén ferramentas que engaden valor as producións forestais.