Camariñas organiza un encontro co empresariado local cara unha reapertura segura

Xuntanza Galp en Camariñas_Arquivo

O Concello de Camariñas organizará o próximo xoves, 21 de maio, ás 11 horas na Casa de Pedra unha sesión informativa dirixida ao tecido empresarial do municipio e para informar das medidas de precaución que se deben tomar para levar a cabo unha reapertura segura dos negocios durante as diferentes fases da desescalada.  

Esta charla, que foi un dos compromisos que adquiriu a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, na reunión mantida coa Asociación de Empresarios e de Promoción Turística o pasado mércores, estará organizada pola Axencia de Desenvolvemento Local e impartida polos inspectores de Sanidade Pública da Comarca de Soneira.  

Os mesmos inspectores destacaron hoxe que, durante as súas visitas recentes aos comercios e establecementos abertos de Camariñas, constataron que se están cumprindo correctamente as medidas de prevención requiridas e que, en xeral, a actitude do sector é a adecuada durante a desescalada. “Isto ven a confirmar que Camariñas é un destino seguro” incidiu Sandra Insua.  

Os asistentes deberán acudir obrigatoriamente con máscara e tamén se terán que gardar os dous metros de distancia de seguridade. As cadeiras do salón de actos da Casa de Pedra estarán separadas a esa distancia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha