O Concello de Camariñas presentou na Casa de Pedra a plataforma de venda en liña para as empresas locais, co obxectivo de axudar ao tecido empresarial do municipio a promocionarse, expandirse e aumentar as súas vendas.
Asistiron ao acto un total de 36 persoas de diferentes sectores: comercio, encaixe, hostalaría, servizos deportivos, pastelerías… Alí, tanto a alcaldesa, Sandra Insua; como a concelleira de Cultura, Encaixe e Turismo, Encarna Liñeiro; os ADL do Concello, Emilio González e María Jiménez; e os representantes da plataforma DBARRIO, Pablo Sánchez e Jacobo Santamarina, explicáronlles o funcionamento da ferramenta.
DBARRIO é unha plataforma asentada en diferentes concellos, tanto a nivel autonómico como estatal, e permítelle ás empresas crear a súa propia web e tamén instalar unha pasarela de pago cuns custes moi inferiores dos que tería facelo pola súa propia conta, ofrecendo ademais asesoramento e facilitando a xestión do transporte, para o que farían o contacto cos taxistas ou transportistas locais.