Camariñas promocionará en FITUR o impoñente paraíso que alberga a zona de Trece, Reira e Vilán

O Concello de Camariñas volve, outro ano máis, á Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra en IFEMA (Madrid) para presentar, o próximo mércores ás 11:30 horas no stand de Turespaña, a súa campaña turística para este ano e a XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, será a encargada de dar a coñecer o vídeo turístico promocional e o motivo escollido para o cartel desta edición da Mostra, que se celebrará en Semana Santa do 1 ao 5 de abril.

A rexedora avanza que “imos dar un pasiño máis na campaña ‘E ti… Encaixas no paraíso?’, promocionando o noso valor turístico máis importante, que é a zona de Trece-Reira-Vilán, un espazo único”.

Pantallas no centro de Madrid

Como ven sendo habitual nos últimos anos, e co obxectivo de contribuír á promoción turística do municipio, o vídeo promocional lucirá en pleno centro de Madrid. Así, aproveitando a presencia en FITUR, o Concello programou que durante toda a semana se proxecte a peza audiovisual nas grandes pantallas dixitais do Teatro Lope de Vega, un dos espazos madrileños máis emblemáticos, en plena Gran Vía, e onde se representa o coñecido musical do Rei León.

O obxectivo desta acción publicitaria é o de continuar a promocionar o turismo en Camariñas fora das nosas fronteiras para atraer un maior número de visitantes ao longo de todo o ano.

Máis accións promocionais

Volverá aproveitarse a presentación no stand de Turespaña para dar a coñecer a camiseta oficial da trixésimo quinta edición da Mostra, deseñada polos últimos gañadores do concurso de Noveis Deseñadores, os irmáns Estefanía e Pedro Orgaz.

Related posts

O Concello de Zas presentará este sábado a súa nova páxina web municipal

O Fórum Carballo implanta un sistema de xestión de calidade da formación que se imparte nas súas instalacións

A Laracha licita o contrato do servizo de creación do novo software para inscricións nas actividades municipais