A Sala de Cristal do Palacio de Congresos de Calatrava, en Oviedo, acolleu con gran expectación o desfile de moda organizado polo Concello de Camariñas para promocionar a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.
Foron ao redor de 250 persoas as que se congregaron no fermoso espazo do Palacio de Congresos ovetense e que puideron desfrutar da pasarela programada para a ocasión, na que brillaron as coleccións de diferentes grandes deseñadores que participaron nas últimas edicións, con especial mención á deseñadora asturiana Ana Cabranes e as súas pezas pret Porter e ceremonia.
Ademais, o público tamén valorou a creatividade e a innovación que se aprecia nas 12 coleccións dos gañadores e finalistas do certame de noveis deseñadores que cederon as súas creacións para poder levar a cabo esta pasarela.
Ao remate do acto, organizado en colaboración coa Asociación de Galicia en Asturias, da man do seu presidente Manuel Fernández Quevedo, a recoñecida soprano asturiana deleitou aos asistentes coa súa voz e incluso interpretou algún dos seus temas en galego.
A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro destacou que “foi unha moi boa experiencia, pensamos que o público asturiano quedou encantado co que viu e invitámolos a vir a Camariñas a desfrutar da Mostra en Semana Santa porque o que aquí puidemos ver só é unha pequena parte de todo o que ofrecemos”, concluíu.