Camariñas propón realizar un dique para protexer o xacemento da Punta dos Castros

Talude Lingunde_Cedida

  • O talude sobre o que se asenta o castro corre perigo de virse abaixo

O Concello de Camariñas proponlle á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia realizar un dique no xacemento da Punta dos Castros para protexer o mesmo e, sobre este, crear a senda que unirá Area da Vila e Lingunde.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, reuníronse coa arqueóloga de Patrimonio para desbloquear a situación despois de que o Concello presentase en xaneiro un estudo arqueolóxico que confirmaba que a senda non afectaba ao xacemento. Este informe fora valorado negativamente ao argumentar que non se podía descartar que a máis profundidade houbese restos susceptibles de protección.

A alternativa proposta polo Concello deberá plasmarase agora nun novo proxecto enfocado a soster o talude sobre o que se asenta o castro para protexelo, xa que actualmente a plataforma corre perigo de virse abaixo. Para iso, nun primeiro momento realizarase unha cata para comprobar se hai restos arqueolóxicos e, posteriormente, crearase un dique de protección para construír sobre el a senda, sempre con materiais acordes á contorna como a zahorra compactada.