Camariñas reforzará o Servizo de Axuda no Fogar con 100.000 euros

1 minutes read
  • Este investimento financiarase con cargo ao Plan Único Adicional 1/2021 da Deputación

O Concello de Camariñas levará ao pleno ordinario deste venres, 29 de xaneiro, a aprobación do Plan Único da Deputación da Coruña polo que se destinarán, entre outros investimentos, un total de 100.000 euros para ampliar e reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal. O Plan provincial supón nesta ocasión unha axuda para o Concello de Camariñas de 406.800,89 euros.

Por outra banda, aprobarase destinar con cargo ao Plan Único 2021 un total de 268.638,97 euros para asumir o pago a provedores, así como 38.968,75 euros para reducir a débeda coas entidades bancarias.

Ademais, tamén se leva ao pleno a aprobación do Plan Complementario 2021, valorado en total en 289.081,54 euros, que se destinará a diferentes proxectos como a mellora e acondicionamento das rúas Rozas e Rucheira en Arou, ou a reparación do pavimento na rúa Virxe do Monte de Camariñas.

Outros asuntos do pleno

Noutros asuntos tratarase a concesión dunha subvención nominativa de 5.000 euros ao Club Balonmán de Camariñas e un recoñecemento extraxudicial de crédito de 444.444,74 euros para o pago de facturas pendentes a provedores.