Camariñas renovará a rede principal de abastecemento de auga co apoio da Deputación

A Deputación da Coruña e o Concello de Camariñas investirán algo máis de cen mil euros nas obras de renovación da rede principal de abastecemento de auga ao centro do municipio, que se levarán a cabo na súa maior parte na zona coñecida como «A Reja».

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa, Sandra Insua, asinaron o convenio para o financiamento dos traballos, aos que a Deputación achegará 80.000 euros e que implicarán a substitución da actual tubaxe de fibrocemento de 200 mm. que une o depósito de abastecemento de Camariñas co núcleo de Outeiro, onde se realizará a conexión coa tubaxe existente, por unha nova de polietileno..

Sandra Insua agradeceu o apoio económico da Deputación para executar unhas obras que permitirán solucionar os constantes problemas de mantemento que está a ter a día de hoxe unha rede que xa é moi antiga e que sofre periodicamente fallos na subministración e avarías.

«Trátase dunha obra importante para Camariñas, xa que esta traída de auga da servizo a uns 2.500 veciños e veciñas, unha cifra que se incrementa notablemente no verán, e abastece tamén a unha das principais industrias conserveiras do municipio», explicou a alcaldesa.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha