Camariñas | Rescatado dun burato no que pasou varias horas un home de 60 anos

1 minutes read

A familia decatouse da súa falta cando regresaron a casa na tardiña deste martes e comprobaron que o home nin sequera comera. Iso fixo saltar todas as alarmas e máis cando ao contactar con el por teléfono souberon que caera nun burato entre dúas pedras e non podía moverse. Así o comunicaron ao 112 Galicia preto das nove da noite para a posta en marcha dun operativo que permitise localizar ao señor, afectado por unha doenza crónica.

De feito, a necesidade de medicación constante e a imposibilidade de recibila tras caer no burato dificultaron aínda máis os seus movementos. Por iso, pouco máis podía facer ca berrar e pedir auxilio. Foi así como unha veciña decatouse da presenza do home e avisou aos axentes da Garda Civil, que xa tiñan o operativo de busca en marcha xunto cos voluntarios de Protección Civil da vila.

Arredor das dez da noite o home foi localizado e trasladado a unha ambulancia que esperaba no punto para asistir ao afectado.