Camariñas retoma a súa identidade coa inauguración da 31ª Mostra do Encaixe

Inaguración da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas_Concello

  • A alcaldesa, Sandra Ínsua, destacou que ata o domingo Camariñas volverá a ser «a capital da moda»

Camariñas deu este mércores o pistoletazo de saída á XXXI Mostra do Encaixe, un evento que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e que se desenvolverá ata este domingo 17. Esta nova edición significa á volta á normalidade, podendo celebrarse no seu formato habitual e na súa data de sempre tras dous anos de pandemia debido á Covid-19.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a subdelegada do Goberno, María Rivas; e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que inaugura oficialmente a Mostra.

A rexedora fixo referencia á recuperación da identidade do pobo camariñán e destacou que durante estes días a vila volverá a ser «a capital da moda». Unha situación que «ten que ser» xa que para calquera veciño «a normalidade non existe se non hai Mostra en Semana Santa».

No seu discurso, Ínsua tamén destacou o regreso das delegacións internacionais porque «unha Mostra sen vós é menos Mostra» e aproveitou para enviar unha mensaxe de unión entre pobos e de diplomacia facendo fincapé en que «as fronteiras non poden separarnos senón que teñen que servir para unirnos, para colaborar e para intercambiar coñecementos e cultura». Neste sentido expresou a súa solidariedade co pobo ucraíno e unha enérxica condena á guerra. Tamén lembrou ante os presentes que o concello xa acolleu as primeiras familias ucraínas, de quen agarda que visiten a Mostra para que, por un instante, «poidan esquecer todo o malo que están a facerlle ao seu país».

Pola súa parte, Valentín González Formoso, destacou que a Deputación leva tres décadas colaborando para que a Mostra do Encaixe sexa «un punto de referencia a nivel nacional e internacional durante a Semana Santa». Un apoio que nace da firme aposta pola artesanía e o patrimonio material e inmaterial galego, «imprescindible para manter a nosa identidade».

María Rivas cualificou a Mostra como «o evento de encaixe máis importante do mundo» e puxo en valor ás mulleres de Camariñas, afirmando que son «un exemplo de dedicación» e merecedoras do «noso recoñecemento».

Por último, Gonzalo Trenor manifestou que tres de cada cinco palilleiras galegas residen en Camariñas e fixo referencia á internacionalidade do encaixe ao poder atopar este «en calquera parte do mundo». «O encaixe é a escusa que atrae aos visitantes a descubrir que Camariñas é moito máis que encaixe pero sen o encaixe non sería Camariñas», sentenciou o delegado da Xunta na Coruña.

Despois da pertinente visita aos diferentes postos que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presentes presenciaron desfile do PequEncaixe e acudiron á pasarela inaugural de Grandes Diseñadores, que ademais contou coa actuación musical de Irma Macías. Os fondos recaudados con este concerto destinaranse á Asociación Ataxia Stop Fa.

Programación para este xoves, 14 de abril

11:00 Apertura
11:15 Encontro de encaixeiras/os
12:20 Programa de radio “Hoy x hoy Galicia”
12:30 Presentación equipación Paula Esteiro
Desfile “PequEncaixe”
Desfile “Grandes Deseñadores”
17:00 Desfile “Noveis Deseñadores A”
18:00 Desfile “Noveis Deseñadores B”
18:30 Presentación da cervexa Serpent na zona de cafetería
19:00 Desfile “ArtEncaixe”
Desfile “Delegacións Internacionais”
21:00 Peche

Inauguración XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas_Concello
Desfile PequEncaixe_Concello de Camariñas