Camariñas | Silvereira e Noelia Peña mostrarán o encaixe como o complemento perfecto

2 minutes read
  • Ambas firmas participarán na pasarela ArtEncaixe da 30.ª edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña

Cada vez queda menos para dar o pistoletazo de saída á XXX edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña que arrincará este próximo venres, 8 de outubro. Durante unha semana as persoas que visiten o pavillón municipal gozarán do encaixe en todas as súas formas. Estes días a organización confirmou a presenza de Silvereira e Noelia Peña, que mostrarán que o encaixe ben traballado pode ser o complemento perfecto. Ambas firmas participarán na novidosa pasarela ArtEncaixe.

A primeira achegará a Camariñas ‘Madeiriñas’, unha colección exclusiva para este evento conformada por varios conxuntos de xoiaría que combinan a madeira maciza, prata e o propio encaixe. Para Silvereira é unha «oportunidade» poder participar nunha mostra onde «se pon en valor a artesanía galega». Cabe destacar que a primeira colección Silvereira de xoiaría en madeira e prata naceu na Mostra do Encaixe celebrada no ano 2010.

Pola súa banda, Noelia Peña amosará a súa colección de xoias inspirada nun barroco medieval caracterizada por un gran tamaño e o predominio da cor dourada. Estas pezas serán principalmente colares, pendentes e bolsos. Para Noelia esta será a primeira vez que participe na Mostra, o que afronta como un «reto».

Esta 30.ª edición volverá contar co apoio de Stolt Sea Farm, unha coñecida empresa de acuicultura de alta tecnoloxía. Este xoves a concelleira de Encaixe do Concello de Camariñas, Encarna Liñeiro, e o director de Sustentabilidade da compañía, Carlos Tavares, rubricaron de novo un compromiso para lograr que a Mostra «poida continuar na vangarda da moda outros 30 anos máis», sinalan desde a organización.

Ademais, este ano celebrarase o ‘I Torneo de Xadrez Mostra do Encaixe Camariñas’. Será o martes, 12 de outubro, no pavillón da Ponte do Porto. Haberá roldas con 7-8 partidas de dez minutos por xogador. As inscricións poderán formalizarse ata o día 11 chamando ao 617 234 393 ou a través do enderezo pokeryajedrez@gmail.com.

Pleno para investir a Blanco Campaña como fillo predilecto

O día 8 de outubro, ás 16:00 horas, celebrarase un pleno extraordinario da corporación para nomear fillo predilecto a Xosé Luis Blanco Campaña. Será antes da inauguración oficial.

Xosé Luis Blanco Campaña_Concello de Camariñas