Camariñas supera a media galega na recollida de envases lixeiros

Imaxe do símbolo da reciclaxe

  • A localidade rexistrou 14,10 quilos por cada habitante, situándose a media galega nos 12,90 quilos

O Concello de Camariñas rexistrou unha taxa de recollida de envases lixeiros de 14,10 quilos por habitante, unha cifra dous puntos superior á media galega que se sitúa nos 12,90.

Ademais do incremento da recollida de envases lixeiros, os veciños e veciñas de Camariñas tamén son cada vez máis conscientes do que vai en cada contedor xa que a taxa de impropios é moi baixa, de 21,63 quilos por habitante, mellorando así a media galega de 26,2 quilos por habitante, e a española, que alcanza os 26,3.

Para seguir contribuíndo a esta evolución tan positiva, o Concello ten en vigor dous convenios coa entidade medioambiental Ecoembes: un para incrementar os contedores de envases lixeiros e os de papel-cartón, e outro para mellorar a recollida no sector HORECA (Hostalería, Restauración e Catering). Este último xa conta con 24 establecementos adheridos aos que se lles fará entrega de pequenos contedores para ter no interior.