Camariñas ultima o reparto de composteiros entre os participantes do programa de compostaxe

Vecinos de Camariñas en el programa de compostaje_Cedida

  • Tamén se levarán a cabo accións formativas con pequenos grupos divididos por parroquias

O Concello de Camariñas iniciará a próxima semana o reparto dos composteiros, a formación e o asesoramento individualizado aos novos participantes do programa de compostaxe municipal ‘Camariñas Composta’. Os novos usuarios serán citados para estas accións formativas que se levarán a cabo en pequenos grupos divididos por parroquias e seguindo o protocolo sanitario.

As técnicas de Amigos da Terra serán as encargadas de formar e acompañar ás familias que participarán no programa de compostaxe. O prazo para inscribirse segue aberto, polo que aqueles veciños de Camariñas que desexen participar poden anotarse chamando ao 981 737 004 ou enviando un correo a medioambiente@camarinas.net.

Que é o programa de compostaxe doméstica?

Trátase dunha iniciativa que coa que calquera persoa que dispoña dun pequeno terreo poida reducir os residuos que xera transformándoos en compost para o seu xardín ou plantas. Coa compostaxe redúcense as emisión de gases de efecto invernadoiro e prodúcese un aforro nas arcas do Concello pois “estaremos reducindo nun 50% a cantidade de residuos enviados ó ciclo da xestión municipal”, declara Sergio Caamaño, concelleiro de Medio Ambiente e responsable do proxecto.