Camariñas únese ao proxecto medioambiental ‘Diversiplás, + diverso – plástico’, de Íntegro

1 minutes read

O Concello de Camariñas súmase, como entidade colaboradora, ao  proxecto medioambiental ‘Diversiplás, + diverso – plástico’ levado a cabo pola Asociación Íntegro, avanzando desde a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible.

Así, o municipio conta cun novo colector, de cor branca para diferencialo do resto, e no que hai unha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que podemos depositar e como facelo. Quedará instalado na casa do concello.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e outros membros do goberno local, recibiron ao presidente da Asociación Íntegro, Adolfo López, que fixo entrega do colector de cor branca que forma parte do proxecto Diversiplás, xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola asociación Íntegro e conta co apoio do GALP Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Sandra Insua, fixo un chamamento á cidadanía para que “use este contedor con responsabilidade e só deposite os residuos que se indican xa que, se non, o proceso para reconvertelos non será viable” e non se poderán obter produtos con novas utilidades como macetas, chaveiros, mosquetóns, pulseiras ou fruteiros.