- Debido ás obras de reurbanización da rúa Perú, este luns pechouse á circulación o treito ata Baños Vellos
Este luns pechouse parcialmente ao tráfico a rúa Estrela, que ademais estreou un novo sentido de circulación. Este peche é provisional e está motivado polas obras de reurbanización na rúa Perú, se ben o cambio de dirección será permanente. Esta actuación é necesaria de cara á reordenación da contorna dos Baños Vellos, seguindo as directrices do plan director elaborado para mellorar a mobilidade, a seguridade e a calidade ambiental de todo ese ámbito.
Así, desde este martes o acceso rodado á rúa Estrela realizarase exclusivamente dende Vázquez de Parga. Debido ás obras na rúa Perú, provisionalmente os vehículos terán que desviarse pola rúa Baños Vellos, agás as persoas usuarias de garaxes, que non están afectadas polo peche da vía.
O cambio de sentido da rúa Estrela ten como finalidade aliviar a presión de vehículos sobre Vázquez de Parga e Ponte, impedindo dar voltas en torno ao estacionamento da Horta do Casino. Esta modificación na circulación acompañarase no futuro dun proxecto de reurbanización como os que se van acometer este mesmo ano nas rúas Pontevedra, Ourense e Baños Vellos. A partir destas actuacións, estas dúas últimas rúas serán exclusivamente para peóns. O plan director inclúe nunha fase seguinte, así mesmo, a reurbanización da rúa Lugo.