Cambio de titularidade das vías autonómicas AC-162 e AC-163 a prol do Concello de Sada


O Concello solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da titularidade dos citados treitos iniciais destas dúas estradas autonómicas, que discorren por solo clasificado como urbano polo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sada, contando con marcadas características urbanas e presentando un tráfico principalmente de ámbito local.

Trátase do treito da AC-162 correspondente á avenida da Mariña e á avenida da República de Arxentina ata o límite do concello con Bergondo e, doutra banda, o treito da AC-163 ata Mera, paseo Marítimo, coincidente coa avenida da Mariña, a avenida de Sada e Contornos.

A Consellería, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña, formula a proposta favorable de transferencia do treito da AC-162, entre os puntos quilométricos 0 e 0,9, así como do tramo da AC-163 que vai do punto quilométrico 0 ao 1,8, en ambos os dous casos, treitos sen funcionalidade dentro da rede de estradas autonómicas.

O cambio de titularidade xa é efectivo, a partir de agora, o Concello de Sada terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.