O pleno municipal do Irixo, Ourense, deu luz verde á moción de censura, a primeira de Galicia tras o 28M e unha das primeiras do Estado, co acordo alcanzado polo PSdeG-PSOE e a coalición independente Xuntos polo Irixo que permitiu arrebatar a Alcaldía a Manuel Cerdeira (PP).
O acordo alcanzado o pasado 11 de agosto que prosperou este mediodía permite á concelleira e portavoz de Xuntos, Susana Iglesias, ser a nova rexedora deste municipio, co que se converte na primeira alcaldesa neste concello, tras desbancar ao alcalde popular que gobernaba en minoría desde o pasado mes de maio. Iglesias e o portavoz do PSOE, Iago Fariñas Valiña, xustificaron esta moción pola “nefasta xestión” do alcalde popular e do seu grupo de goberno nos últimos anos á fronte deste consistorio ourensán.
Mentres, a xunta de Goberno local pasará a estar conformada por catro membros: Susana Iglesias e Tamara Civeira (Xuntos polo Irixo) e Iago Fariñas Valiña e Rosa María Dalama Lousado, polo PSdeG-PSOE. Entre aplausos e no seu primeiro discurso como rexedora, a candidata veciñal agradeceu o apoio de todos os veciños á hora de facer posible o cambio que, nas súas palabras, “toca agora traducir en feitos”.