Camelle e Arou conmemoran esta fin de semana os 124 anos do naufraxio do City of Agra

Concello de Camariñas

  • A programación inclúe roteiros, unha exposición no museo MAN e tamén unha degustación gastronómica entre outras actividades

A Asociación Naufraxios Galegos, en colaboración co Concello de Camariñas, a Asociación de Veciños de Camelle ‘A Pergoliña’ e a Confraría de Pescadores de Camelle, organiza varias actividades en conmemoración polo afundimento hai 124 anos do City of Agra, un barco inglés no que viaxaban a bordo 75 persoas e das que sobreviviron 42.

Camelle e Arou son os lugares elixidos para levar a cabo esta programación que se iniciou onte, ás 10:00 horas, coa apertura da carpa que acolle a Feira Mariñeira. Na presentación estiveron presentes a alcaldesa, Sandra Ínsua; a concelleira de Servizos Sociais, Begoña Tajes e o concelleiro de Obras, Sergio Caamaño. Durante a xornada desenvolveuse unha visita guiada á exposición fotográfica no Museo MAN ‘City of Agra. 124 anos na memoria’, a degustación do ‘I Concurso de tapas coas especias do City of Agra’ ou a recreación dunha palillada na carpa da feira.

Este sábado celebrarase un roteiro animado dos náufragos do City of Agra con punto de partida no miradoiro de Lobeiras, en Arou, e con remate no Campo Santo de Camelle. Ás 13:00 horas haberá un xantar popular para posteriormente acoller unha representación do desmalle da sardiña, entre o porto e a carpa da Feira Mariñeira. Retornará a degustación das tapas do evento gastronómico e ás 20:00 horas terá lugar o toque da campá, onde un grupo de nenos e nenas percorrerán as rúas de Camelle anunciando o naufraxio do buque anglosaxón. Ás 21:30 horas desenvolverase o acto da arribada dos naufraxios desde a explanada do Museo MAN e ás 22:00 horas pecharase a Feira Mariñeira.

O domingo repetirase a degustación e ás 12:45 terá lugar o acto simbólico de recepción de autoridades aos náufragos salvados polos mariñeiros de Camelle e Arou, coa posterior entrega de medallas aos seus patróns polo cónsul británico. Ás 13:00 horas haberá un pasarrúas de despedida da veciñanza de Camelle aos náufragos e ás 18:00 horas coñecerase o establecemento gañador do ‘I Concurso de tapas coas especias do City of Agra’. A programación clausurarase ás 20:00 horas.

Para inscribirse nos roteiros guiados é necesario enviar un correo ao enderezo naufraxiosgalegos@gmail.com.