Campamentos e cursos deportivos de verán para os nenos de Malpica

PIXABAY

  • A oferta de actividades inclúe ensinanza de surf, deportes de raqueta, sobre rodas ou fútbol sala, entre outras.

A concellería de Deportes do Concello de Malpica preparou para os meses de xullo e agosto un amplo programa de campamentos para a veciñanza máis nova. As actividades inclúen campus de fútbol sala, deportes sobre rodas, de raqueta ou surfing, entre outras.

En total, Malpica contará con tres campamentos deportivos destinados a mozos que saiban nadar e que naceran entre o 2008 e o 2014. As sesións impartiranse en horario de 10:30 a 14:00 horas en varias datas de xullo e agosto.

Por outra banda, a praia de Area Maior acollerá catro cursos de surf para rapazada de entre 8 e 13 anos. Tanto os horarios como o número de prazas varía en cada un deles. De novo, será obrigatorio saber nadar. Celebrarase, ademais, un campus de deportes de raqueta para mozos de 7 a 14 anos, outro de deportes sobre rodas (ciclismo, skate, seguridade viaria…) de 8 a 15 anos e un campus de fútbol sala para nados entre 2008 a 2014.

A cota de inscrición será de 21,71 euros por participante. Deberá haber como mínimo seis persoas apuntadas para desenvolver as actividades.

Tamén se organiza o ‘Actívate na praia’, aberto a todas as idades e de carácter gratuíto, e sesións de tenis de mesa e bádminton no pavillón previa solicitude no rexistro municipal do Concello.

O prazo para anotarse nos campamentos xa está a aberto. O trámite deberá facerse de xeito presencial na Casa do Concello, onde se deberá presentar a documentación e aboar a correspondente cota.