A Deputación da Coruña e AGALURE, entidade de referencia na provincia na prevención e tratamento da adicción ao xogo, iniciaron a campaña «Non xogues co xogo. Aposta pola vida» co obxectivo de loitar contra a adicción ao xogo na mocidade.
Os protagonistas desta iniciativa son artistas coñecidos e coñecidas por todos. Xosé Antonio Touriñán, María Mera, David Perdomo, Eva Iglesias e o dúo Verto diríxense aos rapaces e rapazas da provincia para «dicir o que outros non che contan» e alertalos de que «as apostas deportivas non son un xogo» recordando que «cada vez son máis os casos de ludopatía entre a mocidade» e que «cando un xogo provoca adicción deixa de ser un xogo» porque «cando apostas estás xogando coa túa vida e tamén coa das persoas do teu entorno».
O vídeo desta campaña, coa que se pretende concienciar á mocidade dos problemas de adicción que acarrean as apostas e os xogos de azar desde as idades máis temperás, difundirase nas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter) da Deputación da Coruña e tamén nas de AGALURE para chegar directamente ao público obxectivo desta acción a través das canles de comunicación que máis empregan.
Segundo os informes de AGALAURE, mentres que a adición ás máquinas tragamoedas descendeu nos últimos anos, as apostas deportivas e o xogo online experimentaron un notable incremento, tamén durante a pandemia. Este novo perfil de adicción ao xogo afecta a persoas con idade media cada vez menor e o tempo de latencia para adquirir a dependencia é moi inferior no xogo en liña que nas máquinas recreativas.