Campaña de prevención da lesión medular no IES Alfredo Brañas de Carballo

1 minutes read
  • A entidade Íntegro foi a coordinadora destas charlas que se celebraron durante dous días para case 100 escolares de 4º da ESO

A campaña de prevención da lesión medular da asociación Íntegro, con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños), chegou esta semana ao IES Alfredo Brañas de Carballo coa celebración de varias xornadas de sensibilización dirixidas ao alumnado de 4º da ESO. Un total de 96 alumnos e alumnas coñeceron durante dous días as causas e consecuencias dos accidentes medulares ao tempo que tomaron conciencia sobre a importancia de evitar situacións de risco, especialmente en estradas, praias e piscinas, por ser «os principais focos de sinistralidade entre a mocidade», explican desde Íntegro.

A educadora social da entidade, Tania Bartucca, foi a encargada de coordinar as sesións xunto con José Manuel, un voluntario do programa que expuxo o seu caso como exemplo de forza e superación, e Noé, un usuario do centro.

A campaña de prevención da lesión medular forma parte da programación conmemorativa do 30 aniversario de Íntegro e xa leva percorrido neste 2022 varios concellos da Costa da Morte. Entre os máis recentes, destacan as visitas a varios centros educativos de Laxe, Coristanco e o CIP de Zas. AS charlas no Concello de Carballo continuarán nas vindeiras semanas para achegar a campaña ao alumnado do IES Monte Neme e o IES Isidro Parga Pondal.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou en calquera outro programa de sensibilización pode poñerse en contacto co centro enviando un correo electrónico a formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.