Campaña de promoción do comercio ‘Este Nadal, mira por Carballo’

1 minutes read

Este Nadal, mira por Carballo é un convite á cidadanía, da Concellaría de Promoción Económica, para aproveitar estas datas para pasear polas rúas, facer unha parada na hostalaría ou mercar os agasallos. Tamén para todas aquelas persoas de calquera concello galego que buscan alternativas ás grandes superficies comerciais ou á venda online, porque Carballo ofrece toda a variedade que pode atoparse en calquera cidade, a máxima calidade, a mellor atención, máis de 2.000 prazas de aparcamento gratuítas a menos de 10 minutos de calquera zona comercial, e, tanto no mercado municipal coma na feira, a maior oferta de produtos frescos para preparar as comidas familiares dos próximos días.

Para trasladar ese convite máis alá de Carballo, nos vindeiros días porase en marcha unha potente campaña publicitaria para tratar de chegar a todos os recunchos da provincia.

Actividades de dinamización

A campaña virá acompañada de distintas actividades de dinamización e animación infantil co obxectivo de facilitar ás familias a realización das compras mentres os/as peques da casa desfrutan con distintos xogos e obradoiros. Con esa finalidade, do 2 ao 5 de xaneiro, a planta alta do mercado municipal estará a disposición da rapazada en horario de mañá e tarde (o día 5, só pola mañá) con todo tipo de entretementos, e ademais para os días 22 de decembro e 3 de xaneiro hai programados dous espectáculos de pasarrúas con pases pola mañá e pola tarde.