Campaña día 12 | Ciudadanos promete eliminar as peaxes da AP-9 noutra xornada marcada pola sanidade

A menos de 72 horas para o remate da campaña electoral camiño do 12-X. Os partidos intensifican as súas axendas. O brote de A Mariña continúa a xerar mensaxes, nun día no que Carmen Calvo, Iolanda Díaz, Ignacio Aguado e Rocío Monasterio tiveron o seu protagonismo na carreira electoral galega. Este é o diario de campaña formación a formación.

Partido Popular
A caravana do PP galego pasou por Ames, Melide e Lugo. Alberto Núñez Feijóo fixo un chamamento a apostar pola xestión, a estabilidade e a defensa de Galicia para que «haxa respostas para o noso país». Feijóo arremeteu contra «declaracións partidistas» e dixo que votar o domingo será seguro. O candidato popular envíou unha mensaxe aos maiores, aos que lles dixo que se fíen deles mesmos e desconfíen «daqueles que vos queren meter medo».

PSdeG – PSOE
O Barco de Valdeorras acolleu o acto central dos socialistas. Gonzalo Caballero estivo, tamén en Compostela, acompañado pola vicepresidenta Carmen Calvo. Calvo dixo que «o único cambio progresista está da man de Gonzalo Caballero e do PSOE». Caballero prometeu un goberno «especialmente comprometido co feminismo». Pedro Sánchez acudirá por terceira vez á campaña galega, pechándoa en Vigo.

BNG
Ana Pontón tivo actos este martes en Vigo e Compostela. A voceira nacional do BNG instou a adiar as eleccións en A Mariña ata que sexa controlado o rebrote da Covid-19. A candidata nacionalista afirmou que «o máis sensato neste momento é velar pola saúde da xente». Pontón acusou á Xunta de eludir as súas responsabilidades, non actuar con transparencia e de cargar a responsabilidade aos concellos afectados «malia que as competencias en sanidade son da Xunta».

Galicia en Común
A ministra de Traballo apoiou de novo ao candidato da esquerda rupturista, Antón Gómez-Reino. O candidato pasou por Mos e Nigrán para amosar o seu apoio aos veciños que se opoñen á construcción dunha área comercial vencellada á cidade deportiva do Celta en montes comunais.

Marea Galeguista
O candidato da Marea Galeguista mantivo xuntanzas con diferentes colectivos de bombeiros, enfermeiras e músicos. Tamén coa Mesa pola Normalización Lingüista. Pancho Casal reivindicou á súa forza como o partido que mudará as condicións de contratación do SERGAS. Casal defendeu que o único xeito de cambiar a sanidade pública é cambiar o goberno. Tamén instou á Xunta un día máis a que presente un protocolo para atallar rebotes como o de A Mariña.

Ciudadanos
O vicepresidente madrileño, Ignacio Aguado, acompañou á candidata laranxa á Xunta, Beatriz Pino. Pino tamén participou nun acto sobre as peaxes da AP-9. Acusou a PP e PSOE de non facer nada para evitar a subida das peaxes e comprometeuse a eliminalas se chega ao goberno da Xunta.

Vox
Rocío Monasterio, presidenta de Vox en Madrid, acompañou á candidata de Vox por Lugo. Monasterio reclamou o mantemento de servicios e dotacións «que permitan ás familias asentarse».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha