Rematou a campaña electoral. Xa en xornada de reflexión para as eleccións deste domingo, resumimos as últimas mensaxes das diferentes formacións. O obxectivo: Que ninguén quede na casa o domingo.
Partido Popular
O candidato á reelección polo PP galego visitou neste último día as sete grandes cidades de Galicia. Dende Ourense, Alberto Núñez Feijóo insistiu en trasladar a mensaxe de que non haxa medo en ir votar. Feijóo prometeu en Compostela ser «o alcalde de Galicia e gobernar para todos». Unha vez máis, Núñez Feijóo non dubidou en ofrecer «xestión, certezas e confianza». Dende Vigo demandou o voto aos mozos e aos maiores «coa sanidade e o emprego como eixos fundamentais».
PSdeG – PSOE
O ministro de Transportes acompañou a Gonzalo Caballero no último día de campaña. Jose Luís Ábalos cubriu a ausencia do presidente Pedro Sánchez ante problemas técnicos no seu avión. En Pontevedra, Caballero pediu o voto «para cambiar Galicia».
BNG
A caravana do BNG pasou por Santiago, Bueu, e A Coruña. O Bloque despediu a campaña cos ánimos arriba en constante apelación ao cambio e por un tempo novo en Galicia. Ana Pontón amosouse optimista e confiada e dixo que «haberá presidenta na Xunta de Galicia».
Galicia en Común
O candidato á Xunta pola confluencia Galicia en Común pasou por Ourense e Verín. Antón Gómez-Reino afirmou que «hai que ir votar masivamente para cambiar o ritmo do país».
Marea Galeguista
A Marea Galeguista reivindicou unha AP-9 pública. Dende Rande, Pancho Casal condicionou o apoio da súa formación a un goberno de cambio á transferencia e rescate da autoestrada. A formación mantivo unha xuntanza co comité de empresa de Vulcano. Foron arredor de cen reunións as que celebraron con colectivos e entidades en toda Galicia. Casal dixo que o proxecto da Marea Galeguista «vén para quedar porque é a única forza que defende os intereses de Galicia e dos galegos».
Ciudadanos
Edmundo Bal arroupou á candidata laranxa, Beatriz Pino, en Pontevedra. Bal agoirou un éxito este domingo.
Vox
Santiago Abascal amosouse convencido en que a súa formación obterá representación no Pazo do Hórreo.