Campaña día 6 | Pontón en Carballo, Caballero con Duque e Feijóo vende a súa experiencia

Sexto día de campaña electoral, este mércores, camiño das eleccións do 12-X. A cabeza de cartel do BNG, Ana Pontón, participou nun acto de campaña dos nacionalistas en Carballo. Nun día no que Madrid tamén enviou apoios, concretamente os do ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, ao seu candidato Gonzalo Caballero. Resumimos o día partido a partido.

Partido Popular
O candidato á reelección polo Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, estivo este mércores en Sarria, Poio e Narón. Feijóo comprometeu dende Sarria «un goberno de certezas fronte ás dificultades económicas que veñen e unha España anestesiada cos ERTES». Dixo que o seu goberno «non é un goberno que veña aprender». Tamén se amosou comprometido a evitar o peche de Alcoa.

PSdG – PSOE
O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, estivo boa parte deste martes acompañado polo ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque. Mantiveron unha xuntanza en Moaña cos tres reitores das universidades galegas. Caballero prometeuse a crear, no caso de presidir a Xunta, unha consellería de Ciencia. Pedro Duque asegurou que «os tempos de crise que corren non son para gobernos conservadores». Este xoves, o ministro de sanidade, Salvador Illa, acompañará a Caballero.

BNG
A candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, estivo este mércores en Carballo. Nun acto que abriu o alcalde carballés, Evencio Ferrero. Ferrero dixo que «non hai que avergoñarse das siglas, como fai Feijóo nos seus carteis». Tamén criticou o desinterese da Xunta con Bergantiños, e reprochoulle a Feijóo que logo de 11 anos de presidente, visitase Carballo por primeira vez este xaneiro. Tomaron a palabra os membros da lista nacionalista Xoan Manuel Sande, Mercedes Queixas e Daniel Pérez. Nun acto que pechou Pontón para criticar as evasivas da Xunta ante o mando único na pandemia sanitaria, a política industrial da Xunta, e tamén para poñer en valor a Carballo como exemplo de xestión do BNG e retar a Feijóo a un cara a cara.

Marea Galeguista
O cabeza de cartel da Marea Galeguista visitou Lugo e Monforte. Pancho Casal reivindicou a importancia duns servizos públicos dignos «para darlle valor ao rural». Casal mantivo unha xuntanza coa xunta de persoal do hospital comarcal de Monforte. O líder da Marea Galeguista denunciou a situación do hospital e o PAC da vila e dixo que se houbese un rebrote da COVID-19 «sería difícil de xestionar».

Galicia en Común
O candidato á Xunta pola confluencia Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, participou nun acto en Narón. Gómez-Reino dixo que o voto á coalición «vale dobre para apoiar políticas públicas para a maioría e para rematar co goberno do Partido Popular».

Ciudadanos
A cabeza de cartel de Ciudadanos á Xunta, Beatriz Pino, desprazouse ata a ponte internacional con Portugal, en Tui. Alí estivo acompañada polo eurodeputado Adrián Vázquez. Pino criticou que o goberno central pechase as fronteiras co país veciño durante a pandemia.

Vox
Protagonismo en Vox para os deputados en Madrid José María Figaredo e Rocío de Meer. Mantiveron dende a sede da Coruña unha xuntanza dixital con afiliados. De Meer criticou que os demáis partidos non rexeiten a violencia contra a formación de ultradereita, un dos casos máis soados, o golpe cunha rocha que a propia De Meer sufríu hai uns días en Euskadi.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha