Campaña informativa en Carballo con motivo do Día Mundial de Loita contra o SIDA


Coincidindo este xoves co Día Mundial de Loita contra o VIH/SIDA, Cruz Vermella e o Concello de Carballo colaboran este ano para achegar á mocidade información sobre esta enfermidade. Con ese obxectivo, entre o xoves e o venres desenvolveranse accións informativas nos tres institutos de secundaria. 

A Cruz Vermella leva corenta anos traballando contra o VIH/SIDA. Neste 2022, arredor do 1 de decembro vén de lanzar a campaña de prevención de infeccións de transmisión sexual Non é por ti, é por min. Non hai escusas. Usa protección nas túas relacións, unha acción que lembra que máis de 36 millóns de persoas morreron a causa desta enfermidade e que máis de 79 millóns resultaron infectadas. 

O obxectivo desta campaña coincide cun dos aspectos nos que incide tamén o programa de información sexual promovido polas concellarías de Mocidade, Educación e Igualdade, Benestar e Sanidade, dentro do cal leváronse a cabo enquisas nos tres centros de secundaria e campañas informativas na rúa coincidindo con eventos como o 14 de febreiro ou as festas de San Xoán. 

Para a prevención do VIH/SIDA e doutras infeccións de transmisión sexual, esta semana realizarase un reparto de materiais preventivos xunto cun pequeno folleto no que se indican os motivos polos que deben utilizarse. Dende o Concello de Carballo estase a traballar, así mesmo, noutras propostas dirixidas á xente moza que se desenvolverán ao longo do ano que vén.