Campaña informativa sobre a nova tarifa eléctrica en distintos concellos coruñeses


O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), continúa este mes de outubro coa súa campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno.
Así, este mércores 13 a iniciativa chega a Abegondo, desprazándose ao día seguinte –xoves 14– ao concello de Boiro. O 21 de outubro tamén está previsto que se leve a cabo un taller aberto á cidadanía en Boqueixón.
Ademais de achegar ás persoas consumidoras esta información de xeito presencial e online –a través da aula virtual–, o IGCC, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, elaborou folletos informativos con consellos e orientacións para aforrar na factura da luz, tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta– e creou contidos dixitais na súa web.